O lalinense Avelino Souto, campión do XI Concurso Internacional de Preparadores de Gando Frisón 

  • CELEBROUSE ESTA MAÑÁ NA FEIRA AGROPECUARIA ABANCA CIMAG-GANDAGRO
  • ESTA TARDE CELEBRARASE O XXXIV CONCURSO INTERNACIONAL DE XÓVENES MANEXADORES E MAÑÁ OS MORFOLÓXICOS XXXV OPEN INTERNACIONAL E XXVIII AUTONÓMICO DA RAZA FRISOA

>>> Fotos do Concurso de Preparadores de gando

Silleda, 22 de febreiro de 2019.- Avelino Souto Rozados, da gandería Midón, de Lalín (Pontevedra), resultou gañador do XI Concurso Internacional de Preparadores de Gando Frisón, o cal se celebrou ao longo da mañá no marco da III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2019. Esta ten lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA ata mañá sábado.

O subcampión nesta edición foi Miguel Rial Mato, da gandería Pérez, situada en Arzúa (A Coruña).

Organizados pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, o concurso foi xulgado polos xuíces Giuseppe Beltramino, xuíz internacional da asociación frisón italiana, ANAFI, e Pol Collell Sabaté, xuíz nacional de Confederación de Asociaciones de Frisona Española (Conafe)

As partes preparadas a puntuar polos xuíces foron cabeza-pescozo, liña dorso-lumbar, barriga, costelas-corpo, patas, valoración xeral do conxunto, apariencia xeral e remate final, ademais de valoración do presentador e actitude do presentador.

Ao concurso, patrocinado por Delagro, concorreron 12 xóvenes gandeiros de entre 11 e 28 anos das provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra e tamén de Asturias, Cataluña e Baleares. Os participantes dispuxeron de dúas horas (e 30 minutos máis para os nenos de 15 anos ou menos) para pelar e preparar ao animal.

Xóvenes Manexadores

Esta tarde terá lugar o XXXIV Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais.

Mañá será a quenda dos prestixiosos concursos morfolóxicos XXXV Open Internacional e XXVIII Autonómico da Razas Frisona, nos que participan 164 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, Cataluña e Portugal.