A coruñesa Cristina Carro gaña o XXXIV Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores de Frisón

  • A COMPETICIÓN CONTOU CON 19 PARTICIPANTES DE GALICIA, ASTURIAS, CANTABRIA, PAÍS VASCO, CATALUÑA, BALEARES E HOLANDA
    CELEBROUSE ESTA TARDE NA FEIRA AGROPECUARIA ABANCA CIMAG-GANDAGRO
  • ESTA MAÑÁ LEVOUSE A CABO O XI CONCURSO INTERNACIONAL DE PREPARADORES DE GANDO E MAÑÁ SERÁ A QUENDA DOS MORFOLÓXICOS XXXV OPEN INTERNACIONAL E XXVIII AUTONÓMICO DA RAZA FRISONA

>>> Fotos do XXIV Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores "Memorial Luís Louzao" 

Silleda, 22 de febreiro de 2019.- Cristina Carro Iglesias, da gandería Carro, de Mesía (A Coruña), venceu esta tarde no XXXIV Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luis Louzao”, o cal se celebrou no marco da III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2019. Esta ten lugar na Feira Internacional de Galicia ABANCA ata mañá sábado.

A subcampioa nesta edición foi Julia Serrabasa Batalla, da gandería Comas Novas, de Tona, Barcelona (Cataluña). En canto á Mención de Honra foi para Javier Cancio Sánchez, de gandería Cudaña, de Santander (Cantabria).

Organizado pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA), o concurso ten como obxectivo que os participantes demostren a súa habilidade na presentación en pista dos animais. O bo manexador é aquel que coñece á perfección a morfoloxía dos seus animais e despois dunha correcta doma, preparación e pelado, é capaz de facer resaltar as virtudes do exemplar que presenta, minimizando ao mesmo tempo os posibles defectos que puidera ter.

Ao concurso, patrocinado por Mapfre, concorreron 19 participantes de Galicia, Asturias, Cantabria, País Vasco, Cataluña, Baleares e tamén Holanda. Competiron rapaces de idades comprendidas entre os tan só 2 anos e os 27.

Estes participantes foron xulgados por Giuseppe Beltramino, xuíz internacional da asociación frisoa italiana, ANAFI, e Pol Collell Sabaté, xuíz nacional da Confederación de Asociaciones de Frisona Española (Conafe)

Xóvenes Preparadores

Esta mañá tivo lugar o XI Concurso Internacional de Preparadores de Gando Frisón, no que os participantes amosaron as súas destrezas preparando aos animais para logo presentalos. Avelino Souto Rozados, da gandería Midón, de Lalín (Pontevedra), foi o campión. Pola súa banda, Miguel Rial Mato, da gandería Pérez, de Arzúa (A Coruña), foi o subcampión.

Mañá será a quenda dos prestixiosos concursos morfolóxicos XXXV Open Internacional e XXVIII Autonómico da Razas Frisoa, nos que participan 164 exemplares de alta xenética de Galicia, Asturias, Cantabria, Cataluña e Portugal.