As razas autóctonas de Galicia en perigo de extinción promociónanse na feira Abanca Cimag-GandAgro estreando un vistoso stand

A III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro, a cal pecha hoxe as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, foi estes días espazo de promoción de distintas razas gandeiras. Entre elas as autóctonas de Galicia en perigo de extinción, as cales estrearon nesta edición do certame un vistoso stand conxunto.

Este conta cun amplo espazo para que os profesionais vencellados con elas poidan intercambiar opinións ou realizar acordos e tamén amplas fotografías de cada unha das razas, as bovinas Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa, o Porco Celta, a Cabra e Ovella Galegas, o Cabalo de Pura Raza Galega e a Galiña de Mos.