Os profesionais da cunicultura reuníronse esta mañá na feira Abanca Cimag-GandAgro para coñecer a actualidade do sector

  • FOI NUNHA XORNADA ORGANIZADA POR COGAL NO MARCO DESTA III FEIRA PROFESIONAL DE MAQUINARIA, AGRICULTURA E GANDERÍA, QUE PECHA HOXE AS SÚAS PORTAS

>>> Máis fotografías da xornada de Cunicultura

Silleda, 23 de febreiro de 2019.- A III Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2019, que pecha hoxe as súas portas na Feira Internacional de Galicia ABANCA, acolleu esta mañá unhas xornadas técnicas de cunicultura organizadas pola cooperativa Cogal.

O seu primeiro bloque centrouse no proxecto Tecnocún, orientado ao desenvolvemento de novas tecnoloxías para a minimización do uso de antibióticos na produción de coellos. Un ambicioso proxecto de I+D+i sobre o que se expuxeron tanto as vías de investigación levadas a cabo como algúns dos resultados e aplicacións obtidas. Patricia Vázquez Chas, de Imasde Agroalimentaria, e Julián Gullón Álvarez, veterinario de Cogal, foron os encargados de dar a coñecer estas conclusións.

A segunda parte da xornada tratou os temas de maior actualidade no mundo da cunicultura. A directora-xerente de Intercún, Mª Luz de Santos Martín, falou destes aspectos e presentou todas as actividades que se están a levar a cabo dende a interprofesional cunícola.

Bioseguridade

Por outra banda, esta cita tamén deu respostas a múltiples cuestións relacionadas coas enfermidades víricas máis importantes en cunicultura. Foi a través de dúas conferencias. A primeira analizou os últimos avances relacionados coa Mixomatosis e a Enfermidade Vírica Hemorráxica, e foi conducida por Francisco Parra e Kevin Paul Dalton, expertos referentes nestas enfermidades que traballan no Instituto Universitario de Biotecnoloxía de Asturias, Universidade de Oviedo.

O segundo dos relatorios versou sobre o importante papel da bioseguridade en cunicultura en relación a estas enfermidades víricas, tomando como base estudos de detección ambiental destes virus na produción cunícola. Gonzalo Fernández, profesor do Departamento de Patoloxía Animal da Facultade de Veterinaria de Lugo foi o encargado de debullar este tema.

Ao remate da xornada os asistentes degustaron algunhas receitas elaboradas con carne de coello.